Unha profesora e colaboradora do MELGA, nun gran acto académico universitario coruñés

O pasado xoves, 9 de xaneiro de 2025, Ricardo Pérez e Verdes, presidente da Fundación RPYV e director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), asistiu como convidado a un magno acontecemento académico na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

Ás 17:30 horas, no Salón de Graos da devandita facultade, comezou a defensa da tese da doutoranda Manuela Vázquez Coto, titulada “Análise etnomotriz e feminista de dous xogos tradicionais galegos practicados por mulleres: a bugalliña e o bugalliño”, codirixida polas doutoras Ana Sánchez Bugallo e Cristina López Villar. O acto contou cunha ampla representación do mundo universitario, centros docentes, entidades museísticas, agrupacións lúdicas, grupos de investigación, así como amigos, amigas e familiares da doutoranda.

O tribunal avaliador estivo composto por:

  • Presidente: Dr. Pere Lavega i Burgués, profesor titular de Xogos e Deportes Tradicionais e Praxioloxía Motriz no INEF da Universidade de Lleida e presidente da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais.
  • Vocal: Dra. Miryam Alvariñas Villaverde, profesora da Área de Didáctica e Expresión Corporal da Universidade de Vigo.
  • Secretaria: Dra. María Alicia Arias Rodríguez, profesora titular de Metodoloxía, Investigación e Diagnóstico en Educación da Universidade da Coruña.

O tribunal, composto por expertos en cultura, xogo e acción motriz, ademais de especialistas en xénero e igualdade, creou un marco académico de altísimo nivel para a exposición da tese.

Entre os asistentes ao acto destacaron figuras e entidades do ámbito cultural e educativo, como o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego; Antón Cortizas, escritor e investigador; Antonio “Nito” Ferrer, educador do CEIP Campolongo (Pontevedra); o doutor Paco Veiga da Asociación Galega do Xogo Popular Tradicional (AGXPT); Pepe López e Manolo García, do Museo O Recuncho das Argalladas de Lourenzá; Noelia Surribas, da Asociación Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU); a doutora María José Mosquera, socióloga da Universidade da Coruña; o Grupo de Investigación da devandita universidade; e, por suposto, o doutor Ricardo Pérez e Verdes, xunto a familiares e amigos da doutoranda.

Tras case sete anos de investigación e superando múltiples dificultades administrativas, Manuela Vázquez Coto presentou o seu extraordinario estudo científico, centrado no xogo tradicional desde unha perspectiva feminista. Este traballo representa a primeira tese doutoral sobre o Patrimonio Lúdico Galego enfocada en xénero, converténdose nun fito pioneiro non só en Galicia, senón tamén en España e Europa.

Manuela expuxo dous xogos tradicionais femininos únicos na parroquia de Santo Estevo de Nóvoa (Carballeda de Avia, Ourense): a bugalliña e o bugalliño. Estes xogos, case descoñecidos, foron recuperados grazas ao seu labor investigador e seguen practicándose na actualidade por un pequeno grupo de mulleres de entre 65 e 100 anos. Historicamente, funcionaron como un mecanismo de empoderamento e autoafirmación, fortalecendo os lazos sociais entre as mulleres desta comunidade.

Manuela Vázquez, natural de Rianxo (A Coruña), é licenciada en Ciencias do Deporte e a Educación Física pola Universidade da Coruña. Autora de artigos sobre xogo tradicional e feminismo, é conferenciante en congresos nacionais e internacionais, docente en primaria e secundaria, e organizadora de talleres e festivais de xogos tradicionais. Na actualidade, exerce como profesora no Instituto Español de Andorra.

A vinculación de Manuela Vázquez con Ricardo Pérez e Verdes e co MELGA vén de lonxe. Primeiramente foi alumna, na primeira década dos anos 90, na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (antes INEF-Galicia) da Universidade da Coruña, nas materias de Teoría da Actividade Física e do Deporte e na recentemente estreada materia de Xogos e Deportes Tradicionais, promovida polo noso presidente-director. Estudante destacada, brillante en ambas as materias curriculares, pero sobre todo moi remarcable na de xogos e deportes tradicionais. Segundo comentarios da propia doutoranda, aí iniciouse a “espiral” pola súa paixón pola devandita especialidade lúdica. Durante e despois da súa formación académica, Manuela, foi alumna-colaboradora da materia, ademais de realizar as prácticas docentes en centros escolares coruñeses e en organizar festivais e talleres en diversas entidades públicas, sempre á beira, do seu profesor. Sen dúbida tamén el foi o “culpable” de que este inmenso traballo iniciásese e chegase a bo fin coa súa Tese Doutoral. Finalizada a súa licenciatura e creado o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) en Ponteceso (2013), Manuela, seguiu colaborando e traballando co seu profesor, na posta en funcionamento do museo, como Directora Técnica do mesmo, levando a bo porto talleres, guía de visitas guiadas, festivais, etc. ata o curso 2023, que se trasladouse a Andorra para desempeñar o seu cargo de profesora de educación física e do deporte do instituto público. Dez anos de embaxadora da nosa entidade museística¡ Estamos seguros que algún día, Manuela, será a posible continuadora e directora do noso reto máis ambicioso que é o MELGA. Oxalá nun curta espazo de tempo, cando remate o seu compromiso andorrano, o destino téñanos preparado ese agasallo e así poder continuar, o labor iniciado por Ricardo Pérez e Verdes, para ben de todos os galegos.

Felicidades Manuela, polo teu brillante traballo elaborado, pola túa inédita achega ao mundo científico, pola túa espléndida intervención,… que che valeu a máxima cualificación de sobresaliente, con proposta para “CUM LAUDE” polo tribunal cualificador.

Xa es un novo membro de pleno dereito do noso máximo escalafón docente universitario. Benvida compañera!

Parabéns DOUTORA!

 

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.