Este fin de semana, do venres 28 ao domingo 30 de xullo, levou a cabo como todos os anos con motivo das festas de verán, o gran acontecemento lúdico, festivo e de época (principios do século XX), da Feira Modernista da vila coruñesa de Sada na súa VI edición. Nesta ocasión a organización da Ruta de Bicicletas Clásicas antigas, correu a cargo da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), pola experiencia acumulada nestes últimos anos desenvolvendo ditas rutas en varias localidades galegas. Este ano o grupo conformárono unha trintena de entusiastas e apaixonados deste transporte terrestre como é a bicicleta, monociclos, tamdem ou velocípedos. As inscricións realizáronse no concello sadense, cos únicos requisitos solicitados, o contar cunha bicicleta anterior aos anos 50 e todos os participante deberían ir vestidos coa indumentaria modernista da época.
Á ruta de bicicletas clásicas uníuselles tamén un gran desfile de autos antigos que encheron por momentos o paseo marítimo e as rúas do municipio, durante a mañá e a tarde, de onte domingo. Con caracterización ou sen ela, a Feira Modernista de Sada é un dos principais atractivos que ofrece a comarca para que visitantes e veciños puidesen gozar dun fin de semana con sabor a festa e verán. Tamén levou a cabo unha Exposición de bicicletas clásicas nos xardíns do paseo marítimo, onde a totalidade dos viandantes puideron admirar devanditos “vellos cacharros”.
Esta ruta de bicicletas clásicas antigas, é a antesala da reunión “cicloclásicas” que teremos o próximo día 10 de setiembre do presente ano, no concello de Ponteceso con motivo das Festas patronais da Barquiña. Convidamos, desde este momento, a todos os interesados no encontro e recomendamos a todos a poñerse a punto os seus corpos e as súas bicicletas, para poder desenvolver con éxito e alegría o espectacular percorrido que nos depara o estuario do Anllóns, o Malecón, a Barra e a praia de Balarés. Contamos convosco ¡ Xa podedes solicitar a vosa participación no MELGA (info@museomelga.com) ó ao teléfono 981.71.54.42 (Centro Cultural de Ponteceso)
Leave A Comment