Museo

Benvidos ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA)

O Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) é unha institución museolóxica de carácter permanente que ten como misión fundamental a conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego relacionado co xogo tradicional, co deporte tradicional e coa historia do xoguete. Nel tamén se mostran obxectos e pezas de grande interese, procedentes de España e de pobos e rexións da xeografía mundial.

O MELGA é un espazo de compromiso co pasado lúdico que serve de instrumento didáctico para as presentes e futuras xeracións, no que se organizan multitude de actividades e eventos anualmente.

Situado en plena natureza, nun edificio de arquitectura modernista, dispón aproximadamente dunha superficie de 800 metros cadrados de exposición, onde se exhiben máis de catro mil pezas da colección privada pertencente á Fundación Ricardo Pérez y Verdes. Conta ademais cun campo de xogo de 1.000 metros cadrados, así como cun amplo aparcadoiro para visitantes.

O MELGA custodia as pezas dun coleccionista único: Ricardo Pérez y Verdes. Pontecesán de corazón, cedeu por medio da súa Fundación ao Concello de Ponteceso, todos os obxectos relacionados co xogo e co deporte que, desde fai máis de trinta e cinco anos, foi adquirindo por todas as latitudes do globo nas súas constantes viaxes. Dinamizador incansable, organizados de exhibicións e campionatos, ameno conferenciante, profesor universitario de longa traxectoria investigadora, combativo xogador de pelota, escritor, adestrador internacional de voleibol e divulgador entusiasta, a vida de Ricardo Pérez y Verdes está vencellada para sempre ao xogo e ao deporte tradicional galego. A súa dedicación constante e o seu traballo quedan hoxe a disposición de todos os visitantes do MELGA.