Aínda que as visitas guiadas ao Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) de centros docentes finalizaron o xoves 21 do presente mes e as visitas en xeral continúan (particulares ou guiadas), hoxe luns 25, comeza as xornadas dedicadas aos Campamentos deste Verán 2018.
O primeiro en apuntarse e requerir ditas actividades lúdicas foi o deporte do Baloncesto, que a través do Club Basquet Coruña na súa edición XXIII Campus Millenium, por segundo ano consecutivo, solicitounos a nosa colaboración para realizar as devanditas actuacións. Serán 300 nenos e nenas nacidos entre o ano 2002 e o 2013, é dicir, desde os 6 aos 16 anos de idade, entre os que pasarán diariamente (de 11,00 h. á 13,00 h.), cincuenta xogadores en cada sesión, dúas horas de xogos e deportes tradicionais galegos, dentro da programación oficial do campus lúdico-deportivo. A práctica levará a cabo desde o día 25 de xuño ao 3 de xullo respectivamente, nas instalacións polideportivas da Escola Normal (Antigo Maxisterio) da Coruña.
Non faltarán as carretas, as carrilanas, as mazorcas, o elefante, o zurriagazo, os buratos, as varas, as chancras, a forza a unha man, o tirafungüeiro, etc… Unhas xornadas intensas de recreación e competición lúdica, onde as habilidades deportivas aflorarán nestes futuribles xogadores de baloncesto.
Leave A Comment