O Director do Melga relator das XI Xornadas Nacionáis de Ludotecas, Xogos e Xoguetes en Albarracín (Teruel)

Durante esta fin de semana do 25 ao 27 do presente mes de outubro, o noso director do Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) de Ponteceso Ricardo Pérez e Verdes, foi convidado a participar como relator-conferenciante das Xornadas Nacionais de Ludotecas, Xogos e Deportes. Xogos, xoguetes e actividades educativas e lúdicas para a Igualdade”, no bellísimo pobo de Albarracín da provincia de Teruel. Todas as conferencias, comunicacións e talleres foron presentadas no amplo salón de actos da Oficina Comarcal de Agricultura e Alimentación do Concello de Albarracín.

O obxectivo deste ano do Congreso era sobre a temática da “IGUALDADE” en todos os seus aspectos: educativos, museísticos, sociais, xogos, xoguetes,… Todos os temas tratados durante as intensas sesións realizadas (mañá e tarde), estaban avaladas pola gran excelencia dos relatores e conferenciantes. De igual forma destacaban os mestres artesáns que nos achegaron durante os seus obradoiros, maneiras de confeccionar os mesmos, con materiais diversos, infinidade de xogos e xoguetes de tradición do mundo rural. O director do MELGA, presentou o seu relatorio co título de “Unha experiencia de igualdade no Museo Etnolúdico de Galicia de Ponteceso (A Coruña)-Galicia (España): os xogos de taboleiro na cultura castrexa galega”. O contido da mesma trataba de dar a coñecer o MELGA e Ponteceso como sede do museo, os diferentes xogos de taboleiro aparecidos no mundo dos Castros galegos, a súa metodoloxía práxica, unhas conclusións finais e a bibliografía sumaria.

O Director do Melga relator das XI Xornadas Nacionáis de Ludotecas, Xogos e Xoguetes en Albarracín (Teruel)

 

Da experiencia exposta foron partícipes os alumnos/ as dos colexios Artai de Carballo e o CEIP. Eduardo Pondal de Ponteceso, que fixeron posible que esta experiencia chegase a bo fin. Cada participante pasou polas catro fases: procura de documentación, confección do material, debuxo dos xogos e posta en práctica dos xogos. O vídeo do traballo foi exposto en primicia na devandita xornada. A súa acollida foi moi valorada, xa que se trataba de realizar unha partida do “Pai-Fillo-Nai ou Ta-Che-Ti”, “Catro en raia” e o “Muíño ou Alquerque a 9”, pero no canto de xogalos nun taboleiro de madeira encima dunha mesa, practicalo sobre un debuxo xigante no chan do museo, en que os nenos e nenas dos centros escolares eran as fichas do taboleiro. É dicir: pasar dun xogo sedentario, a un xogo mais dinámico e motrizmente, onde a igualdade para xogar estaba presente en todos os compoñentes dos equipos (nenos, nenas, lesionados, persoas maiores, con disfuncións,…). Sen dúbida, nun museo de xogos e deportes tradicionais podemos dicir sen equivocarnos, que é o espazo ideal para a igualdade por excelencia.

A representación galega no evento, ademais de Ricardo Pérez e Verdes como relator, foi como asistente Pepe López González, autor de varios libros sobre o xogo tradicional en Galicia e como expositor dunha pequena mostra de xoguetes tradicionais, confeccionados polo mesmo, con elementos da natureza. Quedamos emprazados para a XII edición do ano 2020, para presentar novas formulacións de investigación.

 

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.