Recibimos en xornada matinal, no Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) situado no Centro Cultural do concello de Ponteceso, un numerosísimo grupo de campistas, o pasado venres día 22 do presente mes de xullo. Os compoñentes, comprendidos entre os 3 e os 12 anos de idade, procedían do Centro Fórum Metropolitano da Coruña. Viñan acompañados dos seus monitores Pablo Barreiro, Lorena Saavedra, Cristina Santamarína, Ana Bruquetas, Cristina Campos e Samuel Sánchez que coordinaba e representaba ao grupo e á empresa cambresa de Serviplustotal SL. O total de visitantes, entre campistas e monitores, ascendía a 164 persoas. Este ano 22 dita entidade bate o record de participantes nunha soa visita guiada ao MELGA.
Os grupos foron divididos en tres subgrupos: os pequenos (3 a 5 anos), os medianos (de 6 a 9 anos) e os maiores (de 10 a 12 anos). Os tres subgrupos, durante case unha hora en cada espazo, por rotación, pasaron todos polo campo exterior, a biblioteca e as salas do museo. No exterior realizáronse xogos e deportes galegos de transporte terrestre, lanzamentos de precisión, habilidade e forza, dirixidos devanditos xogos polos profesores do MELGA Myrella Ventura e Xabier Pérez. Na biblioteca realizouse un taller de confección de xoguetes (novidade nas visitas guiadas) a cargo da profesora Manuela Vázquez e finalmente nas salas do museo (parte teórica e práctica de xogos de interior) co noso director. Con máis alá das tres horas longas, tanto monitores como campistas, a sesión pareceulles curtísima, sobre todo o percorrido polas salas expositivas… e non lles faltaba razón! Xa que en toda a sesión houbo que comprimir a mesma a unha soa hora por cada lugar de traballo lúdico.
A anécdota da sesión foi que a benvida a todos os visitantes deulla o noso alcalde de Ponteceso Lois García Carballido, quen ademais estivo acompañado pola concelleira de Educación, Bibliotecas, Patrimonio e Formación Maite Chouciño, onde Ricardo Pérez y Verdes agradeceu enormemente a ambos a dita visita sorpresiva e a súa presenza antes e durante a visita ao MELGA.
Outra das novidades acontecidas en dita sesión foi que os nenos e nenas do campamento viñan tamén acompañados por catro monitores internaciones en prácticas que procedían de Italia e Inglaterra. Os devanditos monitores, así nos comentan, quedaron impresionados polos coñecementos que sobre os xogos italianos e ingleses tiña o noso director, pois eles descoñecíanos totalmente. «Estamos nun pobo de Galicia (España) a miles de quilómetros dos nosos países e cidades e vimos descubrir e aprender os nosos xogos máis tradicionais en Ponteceso, Increible!», así comentaban e expresábanse un pouco atafegados polo feito.
Despois da visita guiada ao MELGA, todos os compoñentes desprazáronse ao Monte Blanco e a Balarés, coas súas viandas nas mochilas, para xantar no marco incomparable do gran piñeiral e seguir gozando da paraxe tan extraordinaria. Sobre as 16:00 horas o autobús partiu cara á Coruña.
Un grupo moi disciplinado e participativo, con ganas de regresar de novo cos seus familiares nos próximos meses estivais. Os monitores de igual maneira pero… sós ou coa familia exclusivamente, así se expresaban para expremer máis a todo o alí exposto, que era moito e excepcional.
Leave A Comment