O pasado venres día 10 de xullo-20, en sesión vespertina, o MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) de Ponteceso, foi convidado a participar en directo no programa, “Quen anda aí? Edición de Verán, da Televisión de Galicia. Unha tarde dos venres para todos os públicos, onde a cultura, os enredos ou brinquedos, a gastronomía, a moda, os novos artistas(cantantes, músicos), turismo, etc…están presentes neste magacín de actualidade, referente e de gran audición en Galicia.
Ricardo Pérez e Verdes foi entrevistado polos xornalistas da cadea Rodrigo Vázquez, Manuel Mouzo e Inma Morandeira. Ademais de presentar en primicia algunhas das escenas da reportaxe realizada algúns días atrás da visita guiada, o noso director foi “bombardeado” polos presentadores a preguntas, non faltando cuestións sobre a súa vida académica, deportiva, profesional, a súa obra e pensamento do creador do MELGA, así como a historia dos xogos e deportes tradicionais en Galicia e no mundo.
A Terraza da Produtora Veralia e Tex 45, cuxa sede se atopa na veciña localidade de Ordes (A Coruña), onde se realizou a gravación do programa, estivo adornada amplamente cunha importante exposición de pezas galegas do MELGA, (brinquedos ou enredos, xogos e deportes) chegando a máis de medio centenar de obxectos, sacados das vitrinas do museo que embeleceron o estudio.
Ante a insistencia do noso director, os presentadores puideron “in situ”, montarse nunha carreta, xogar cos cichotess, co loió, as buxainas, a choucha, etc…, todo nun ambiente divertido e moi entretido, tanto a nivel cultural como festivo. Temos que destacar que o vento tempestuoso existente no lugar, nalgún momento xogounos unha mala pasada, tendo que perseguir en ocasións algunha peza polos chans.
Leave A Comment