Con motivo de levarse a cabo a XV Asemblea Xeral Europea, o Coloquio Internacional e o Festival de Xogos e Deportes Tradicionais, a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o MELGA, estiveron presentes durante os días do 24 ao 28 do presente mes de agosto, na cidade cántabra de Santander, como membros numerarios das devandita institución, a Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais.
Os tres eventos correron a cargo na súa planificación, durante dous anos, á Federación Cántabra de Birlos, para conmemorar o seu 75 aniversario (1941-2016) da constitución da mesma. Debemos apuntar que a organización das xornadas, foi un dos feitos máis destacados neste encontro europeo, tanto a nivel de instalacións, aloxamentos, alimentación, como asistencia e participación.
Despois da inauguración oficial polas autoridades santanderinas (alcalde, conselleiros de cultura, deportes e patrimonio, empresarios, etc.) e de gardar un minuto de silencio en honra ás vítimas do terremoto de Amatrice (Italia), deron comezo as sesións teóricas co “Coloquio Internacional de Birlos e Xogos Tradicionais”. Este congreso pretendeu mostrar a riqueza cultural dos birlos e os xogos tradicionais. Tamén se expuxeron as diferentes estratexias para a promoción desa diversidade cultural orientadas cara ao recoñecemento das identidades culturais, a comprensión mutua e o respecto á diferenza. En definitiva, física e química, emocións e cultura, birlos e xogos tradicionais. Foron preto de vinte e cinco (25) relatores que desenvolveron os súas ponencias sobre a temática proposta no coloquio. Desexamos resaltar, pola súa orixinalidade e nova, a proposta presentada por un conferenciante, sobre un vídeo-xogo sobre o birlo palma cántabro.
A XVI Asemblea Xeral Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, cos seus cento dez (110) membros e a ausencia dalgunhas delegacións italianas, deu comezo á lectura do informe moral do presidente da asociación Guy Jaouen; a continuación informaron as sete novas adhesións á nosa asociación ( 2 da república de Chequia (tiro de fonda e xogo de hockey de táboa); Croacia (xogo de tejos); Federación Illes Balears (tir de fona); Universidade do País Vasco; Departamento de Expresión Musical, plástica e corporal da Universidade de Zaragoza e finalmente Asociación O Forte, centro expositivo de dinamización dos JT Europeos da Almunia-Aragón; dar de baixa da asociación á Federación de Vela Latina (As Palmas-España); próximas actividades (creación dunha base de datos actualizada, renovación Páxina web, Apertura ao Leste de Europa, proxectos europeos); “Declaración de Verona-2015” para levar a todos os Parlamentos do mundo; Propostas do Día, Semana ou Mes Europeo dos Xogos Tradicionais; presentouse a todos os asembleístas o primeiro número da revista JUGAJE (Xogo-Games-Jeux) da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, que a partir de agora será a nosa base de comunicación, experimentación e investigación escrita e gráfica de todos os apaixonadas ao mundo lúdico e finalmente as próximas reunións (Asemblea Xeral 2017; Asemblea Xeral 2018 e Reunións de Inverno de 2016 e 2017).
Neste último punto da orde do día estaba o informe da nosa representación a Fundación e o MELGA, xa que eramos os organizadores da próxima Asemblea Europea, Congreso Internacional e Festival de Xogos e Deportes Tradicionais do 2017. Este tema gustaríame tratalo debidamente no próximo informe que titularemos “ O MELGA: unha gran oportunidade perdida”.
O Museo VLAS e SPORTIMONIUM de Bruxelas (Bélxica) será o organizador do evento de 2018 e as candidaturas para as reunións de inverno concedéronse por votación a deste ano 2016 a Bucarest (Rumania) e a do 2017 a Istrie Savez (Croacia). Tanto no Coloquio como na Asemblea fixeron a súa presentación e participación as delegacións do Congo e Libia (Africa) como convidados de honra.
Como remate final aos dous eventos anteriores (Asemblea e Coloquio) realizouse unha demostración de xogos e deportes tradicionais europeos nas rúas e prazas de Santander (Praza do Concello, Praza da Catedral, rúas do Mercado do Leste,… e como final de festa fixéronse diversos concursos no parque da Albericia sede da Federación Cántabra de Birlos. Como o tema eran os birlos, a maioría dos xogos franceses, portugueses, bretóns, croatas, italianos, alemáns, etc. trataban desta modalidade aínda que había outros xogos tamén representativos doutros países, como é o caso de Galicia que achegou o Tiro á lata, o varapau, o tirafungueiro e outros.
Paralelamente a este acontecemento, aproveitando dita situación, a Federación Cántabra de Birlos celebrou no Pavillón de Deportes da cidade, con máis de 5.000 persoas nas súas bancadas, o gran evento anual denominado “Semana Bolística”, dilucidando neste espectáculo de xogo tradicional, ao Campión de España de Birlo Palma, levándose o vencedor un suculento premio dun millón de pesetas (6.000 €).
A representación galega a este evento foron a Asociación Galega de Xogos e Deportes Tradicionais (Melide) con Paco Veiga e Manolo Charrancas, Lois Pardo representando a Brinquedia (Ourense) e Ricardo Pérez e Verdes como representante da súa Fundación e do Museo Etnolúdico de Galica (MELGA) (Ponteceso-A Coruña).
Outro ano máis, cun gran éxito, desenvolveuse un acontecemento a máximo nivel en canto aos Xogos e Deportes Tradicionais Europeos e Mundiais. Parabén á organización e a todos os participantes na mesma!
Leave A Comment