O NOVO REXEDOR PONTECESANO JOSE MANUEL MATO, SE REUNE POR PRIMEIRA VEZ CO PRESIDENTE DA FUNDACIÓN RICARDO PÉREZ E VERDES E DIRECTOR DO MUSEO ETNOLÚDICO DE GALICIA (MELGA)

No día de onte, xoves 27 de xullo, o presidente da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), foi recibido, no despacho do Concello de Ponteceso, polo seu novo alcalde, José Manuel Mato Martínez. 

Despois de asumir o cargo municipal, o novo rexedor tivo a ben coñecer de primeira man a realidade do Museo, que proximamente celebrará o seu décimo aniversario. Unha vez feitas as protocolarias presentacións, tivo lugar unha reunión, de máis de dúas horas, na que se trataron temas de especial relevancia para o bo funcionamento do Museo, concernentes tanto ao seu presente máis inmediato como ao seu futuro. Así mesmo, establecéronse as canles necesarias para as boas relacións de ambas as institucións. 

Nesta primeira reunión abordáronse soamente os temas máis urxentes, que afectan principalmente á loxística do Museo, tales como persoal laboral, horarios, infraestruturas, difusión institucional, imaxe… Outros dos temas tratados foron a realización do próximo convenio que regulará as relacións entre ambas as institucións, así como os actos que se celebrarán polo décimo aniversario do Museo. Aínda que, sen dúbida, o tema máis relevante e que se tratará máis a fondo en próximas reunións, é o concernente á sustentabilidade do MELGA nos próximos anos. Tamén o director do MELGA Ricardo Pérez fixo entrega por escrito, dunha invitación ao alcalde e á súa corporación municipal, para que visiten oficialmente o Museo. Así mesmo o alcalde, José Manuel Mato, comprometeuse, en potenciar ao máximo a entidade museística como activo referential importante de Ponteceso e da Costa da Morte. 

Despois do intercambio de obsequios institucionais, deuse por finalizada a reunión, emprazándose ambos para datas inmediatas, e así proseguir abordando novos temas e obxectivos. En palabras do director do Museo, Ricardo Pérez e Verdes, a reunión pode cualificarse de cordial e frutífera, primando nela un alto nivel de colaboración.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.