Thursday January 9th, 2025 By Museo MELGA No comments yet
O noso presidente-director, Ricardo Pérez e Verdes e a súa esposa, Lola Roel, vicepresidenta da Fundación, tiveron a honra e o privilexio de ser convidados o pasado 2 de xaneiro de 2025 á Exposición de Xogos Tradicionais do Mundo, titulada “Francis Alÿs: Ricochets”, no Museu de Arte Contemporáneo de Serralves, no Porto (Portugal). Esta exposición é unha continuación da realizada nos anos 90, “Children’s Games: 1999-present” (Xogos Infantís: 1999-presente), agora ampliada con esta segunda edición denominada “Children’s Games 2: Ricochets” (Xogos Infantís nº 2: Pancholas).
O Museu de Arte Contemporánea da Fundación Serralves, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza, é o museo máis importante de Portugal dedicado á arte moderna. Situado en pleno Parque de Serralves, algo afastado do centro da cidade, combina cultura e natureza nun mesmo espazo. Desde a súa inauguración a finais dos 90 (1999), converteuse nun referente internacional en arte contemporánea. Ademáis, conta cun fermoso xardín, un pasadizo polas copas das árbores, unha Casa Art Decó, o Museo do Cinema, o Museo do Té, unha biblioteca, unha libraría e 14 galerías dedicadas a exposicións. Ata a data, pasaron por estas instalacións uns 5 millóns de visitantes en dúas décadas. Asombroso! Extraordinario!
O belga Francis Alÿs, autor da exposición, é pintor, deseñador, cineasta de animación e arquitecto formado en urbanismo. Durante dúas décadas, viaxou por máis de 20 países para documentar e gravar xogos infantís tradicionais. A súa obra está distribuída en dúas galerías na planta baixa do museo, cunha superficie total de máis de 1.000 metros cadrados e máis de 20 pantallas xigantes que presentan 41 xogos tradicionais de todo o mundo.
Na primeira galería, cada filme documenta experiencias de xogos vividos en diversos contextos e culturas de países como Nepal, Bélxica, Marrocos, Cuba, Gran Bretaña, México, Afganistán, Congo, Taiwán, Dinamarca, Ucraína, Suíza, Ecuador, Hong Kong, Estados Unidos, Francia, Xordania, Venezuela e outros. Entre os xogos documentados, magníficamente gravados e analizados, destacan o papaventos, a churra, a goma, as moedas, a choucha, carreiras de caracoles, carrilanas, pedra-papel-tesoira, a mariola, chapitas, a corda, as cadeiras, o peto, castañas… e, por suposto, pancholas (ricochets), que da nome á exposición.
Na segunda galería, atopamos unha liña do tempo con gravados e pinturas sobre xogos ao longo da historia, máis pantallas con xogos tradicionais, unha sala de xogos para practicar en directo e un espazo interactivo con xogos de luz e sombras. Este espazo permite proxectar formas coas mans, xogar con escalas ou mesmo converterse en xigantes. Ambas salas dispoñen de cómodas cadeiras individuais con rodas, que permiten aos visitantes moverse libremente polo recinto e detererse diante de cada pantalla ou área de descanso. En resumo, Alÿs explora o xogo manual a través dunha exposición inmersiva que incentiva a participación activa dos visitantes en espazos especialmente deseñados para actividades lúdicas.
Se teñen a oportunidade de visitar o Porto, non deixen de achegarse a esta exposición. É unha oportunidade excepcional para gozar en familia, cun horario amplo, desde as 10:00 ata as 19:00 horas, de xeito ininterrompido (o museo conta con servizo de cafetería e restaurante). A exposición estará dispoñible ata o 15 de febreiro de 2025, antes de trasladarse a Londres como parte do seu percorrido mundial. Sería unha pena deixar pasar esta única oportunidade para contemplar esta extraordinaria exposición (e, ao mesmo tempo, o gran parque-recinto museístico).
Sinceramente, é unha ocasión que non se debe perder ninguén. Recoméndase especialmente para profesionais da educación física, monitores, asociacións de xogos, museos, fundacións, especialistas en tempo libre, medio ambiente, belas artes, audiovisuais ou para calquera persoa interesada nesta temática. Moi recomendable! Estamos seguros de que non se arrepentirán da visita (non guiada), a pesar de que o museo está algo afastado do centro da cidade e o custo da entrada poida ser elevado.
Feliz 2025! Esperámoslles no MELGA! Será unha honra recibilos outro ano máis! Non esquezan reservar a súa data de visita guiada para este novo ano!
Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.
Leave A Comment