Esta fin de semana organizouse, na localidade veciña de Coirós /Betanzos (A Coruña) e, coincidindo coas festas patronáis de San Xulián, a primeira edición da Exposición de Bicicletas Clásicas organizada polo Club Ciclista As Mariñas da localidade, coa colaboración do Concello e a Comisión de Festas do municipio.
Tódalas bicicletas clásicas a concursar deberían estar expostas no Campo da Festa tal e como establecera a organización: Ás 12 da mañá. Estarían alí até ás 14:00 horas, aproximadamente. Puntualmente ao lugar e hora prefixados, achegáronse para esta primeira cita 11 bicicletas (que non está nada mal) das cales 5 delas foron presentadas polo noso Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) pontecesán. As «máquinas» e os seus propietarios pertencían ás localidades da Coruña, Ferrol, Ponteceso, Betanzos, Sada e Coirós. Os anos das mesmas estaban comprendidas entre o 1924 (a máis antiga) até o 1985 (a máis moderna). As marcas participantes nesta ocasión foron: Orbea, BH, Peugeot, Rabasa Derby, Bataria, Honra, Zeus, Homen, Bianchi, Hermes, Yeye, e Órbita, procedentes de Holanda, Italia, Portugal e España.
As condicións e regulamento do concurso consistían en presentar unha bicicleta orixinal, restaurada ou artesanal, onde se puntuaba a beleza do artefacto terrestre. Non existía xurado de valoración e sería a unha votación popular -por parte de tódolos asistentes ao evento- a que outorgaría o trofeo ao campión, así coma o segundo e terceiro posto; seleccionando as bicicletas máis bonitas ou que máis lle gustasen.
Pechada a urna da votación popular ás 14:00 horas coas papeletas de todos os asistentes coirenses, acompañantes dos concursantes e as diversas xentes doutros lugares de España, éstes deron o seu veredicto. Efectuado o escrutinio das mesmas (que foron moitas) os tres primeiros premios que se concedían corresponderon a: o campión, cunha bicicleta do ano 1924 e marca Batavus presentada por Manuel López da localidade de Betanzos con 14 votos; o subcampión, con 11 votos, presentou un tándem holandés Sparta marca Bataria do ano 1980, e correspondeu a Noelia Mariñas de Santa Cristina de Perillo (A Coruña). Finalmente, o terceiro premio foi para Ricardo Pérez y Verdes que representaba a Ponteceso e ao MELGA, cunha bicicleta orixinal Orbea do ano 1938 (7 votos).
O premio consistía nunha pequena escultura cunha figura dunha bicicleta clásica montada nunha peana de madeira. Os trofeos conmemorativos foron entregados por dous membros da Comisión de Festas.
Hai que destacar a magnífica organización da devandita exposición que o clube ciclista da localidade e a súa «alma pater» Manuel Colado que foron os verdadeiros artífices e protagonistas deste acontecemento e que desde este momento, estamos seguros, serán un referente para todos os galegos e sobre todo para aqueles que lles apaixona esas antigas bicicletas clásicas.
Ricardo Pérez y Verdes aproveitou a ocasión para convocar e convidar a tódolos concursantes a desprazarse a Ponteceso, posiblemente, o domingo día 11 de setembro do presente ano 2022 para realizar o VII Roteiro de Bicicletas Clásicas de Ponteceso despois de dous anos de ausencia pola pandemia e así, de novo, poder gozar do devandito evento lúdico-festivo outro ano mais.
Leave A Comment