A sala principal da biblioteca do Centro Cultural do concello de Ponteceso, onde se atopa situado o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), foi escenario onte xoves día 07 de outubro ás 19,00 h., da presentación do libro “Cando aprendín a vivir. Descobre o teu mundo interior a través dunha viaxe polo Camiño dos Faros” do escritor, profesor, formador, consultor, coach e conferenciante Pedro Martínez Ruíz. A presentación do autor e a súa obra correu a cargo da concelleira Maite Chouciño, aínda que estaba previsto que fose o noso alcalde Lois García Carballido, pero non foi posible por ter que ausentarse do acto por asuntos institucionais.
Con este libro que hoxe presenta Pedro Martínez, no municipio pontecesano, contabiliza no seu haber creativo e literario, o número cinco. Nacido en Valencia e hoxe residente en Iniesta (Conca), é licenciado en Informática e Administración de Empresas, un mozo poliédrico, onde nos seus textos exponnos os seus coñecementos en diferentes ámbitos que van desde mellorar a transformación persoal e organizacional, axudar ás persoas para mellorar, mentor de proxectos en escolas de negocios, profesor universitario en intelixencia emocional, liderado e comunicación, experto en desenvolvemento do talento, optimismo e felicidade, etc. etc. Os seus libros así o demostran: “A arte de vivir mellor”; “A felicidade ao virar a esquina”; “Desenvolve todo o teu potencial” e “ Teletraballo. Vivir e traballar mellor”.
O argumento narrativo deste novo exemplar, moi ben presentado por Amat Editorial, cóntanos dunha maneira ficticia, como o seu protagonista Daniel, recentemente saído dunha grave enfermidade e sen lazos familiares, emprende unha viaxe pola Costa da Morte e selecciona para este reforzamento persoal e profesional e dar un cambio á súa vida, e nada mellor que iniciar o Camiño dos Faros, un roteiro senderista de 200 quilómetros, realizada en oito etapas pola impresionante e extraordinaria costa galega.
O manual da viaxe que Pedro achéganos, é fresco, áxil, de fácil lectura, ata poderiamos cualificalo como costumista, relatándonos paso a paso as paisaxes, as súas xentes, gastronomía, monumentos, etc. nos 25 capítulos que consta a obra. E aquí vén a nosa participación, no seu capítulo 14, titulado “Mirar a vida a través dos ollos dun neno”, onde ao chegar á vila de Ponteceso, Daniel, sorpresivamente atópase no seu paseo de sobremesa, co Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). O autor relata pormenorizadamente, xa que Pedro visitáranos con anterioridade para describilo, o que é o noso museo, a súa funcionalidade, o edificio, as salas expositivas, etc. Un relato encantador e gratificante.
Despois de finalizado o acto de presentación deste novo volume, Pedro tivo a ocasión de asinar a cada un das numerosas persoas, que adquiriran o libro e atopábanse presentes no acto literario.
Aproveitando a ocasión, o noso director, acompañou ao noso ilustre escritor para dar un novo percorrido polas salas expositivas e a continuación solicitoulle, que asinase no Libro de Ouro do museo, deixándonos as seguintes palabras:
Foi unha sorte descubrir este museo, pero aínda máis foi descubrir á gran persoa que é Ricardo: dinámico, proactivo, intelixente e con gran enerxía. Parabén e grazas por dar vida a Ponteceso con este precioso museo. Tiven a sorte de incluílo no libro “Cando aprendín a vivir”. Oxalá moitas máis persoas poidan descubrir este gran museo e a esta gran persoa que é Ricardo. Un abrazo. Pedro Martínez Ruíz. 07/10/22.
Leave A Comment