Na Ponte da Constitución, o presidente e director da Fundación e do MELGA, realiza un percorrido por centros museísticos pontevedreses, para futuros intercambios e colaboración.

Con motivo da ponte da Constitución, este sábado día 7 do presente mes de decembro, o noso presidente e director da Fundación e do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), respectivamente, desprazouse á provincia de Pontevedra para visitar, e ao mesmo tempo agradecer, as invitacións das direccións de dous acontecementos importantes relacionados coas nosas entidades divulgativas sobre os xogos, xoguetes e deportes de carácter tradicional, popular e moderno.

A primeira parada foi no Museo de Pontevedra, onde se acaba de inaugurar unha exposición sobre xoguetes de hojalata (aínda que hai tamén algúns de cartón, cristal, latón, plástico, etc.) titulada “É tempo de xogar”, da colección privada de Juan Manuel Alfaya Ocampo.

O xuíz galego Juan Manuel Alfaya, natural de Redondela, está hoxe en día afincado en Vigo, onde profesionalmente exerce como maxistrado da Sección Sexta da Audiencia Provincial da cidade olívica.

A extraordinaria exposición, con algo máis de cen pezas expostas na Sala Castelao, aínda que pequena en tamaño, é grande no seu contido. Sen dúbida, é unha visión histórica do mundo do xoguete en España. Os seus fondos superan os 700 obxectos lúdicos, todos orixinais, que foron creados por empresas ou marcas españolas entre os anos 1890 e 1960 (Rico, Payá, Seis Barral, Segarra, etc.) e por algunhas marcas estranxeiras como Gunthermann, Bühler, Rossignol ou Matarazzo.

A exposición estará aberta ata o 9 de febreiro do próximo ano 2025, aínda que seguro que se prolongará algunhas datas máis. Vale a pena achegarse para observar unhas auténticas pezas de museo. Non debedes deixala pasar, xa que é unha auténtica “pasada”, tanto para nenos/as como para adultos. Fantástica! Foi unha gran pena non poder charlar con el, aínda que si telefonicamente, xa que nese momento non se atopaba en condicións óptimas de saúde. Quedamos para o vindeiro mércores 11, para realizar unha visita guiada na súa compañía.

Xa, pola tarde, desprazámonos a Cangas do Morrazo, porque ás 16:30 h. abríase o MUVI, ou Museo do Videoxogo de Galicia, un novo museo recentemente inaugurado. Esta visita fora programada entre Ricardo Pérez y Verdes e os seus dous representantes, os irmáns Jacobo Martínez, director do museo, e Galo Martínez, presidente da Fundación MUVI, nas xornadas pasadas sobre “Museos e outros centros museísticos de Galicia”, en Santiago de Compostela no mes de novembro. Como a visita foi sorpresiva, ambos os fundadores non se atopaban no recinto museístico, pero, en cambio, fomos recibidos por varios membros do colectivo fundador do museo, que acompañaron ao noso director nunha extraordinaria visita guiada sobre a evolución histórica do videoxogo no mundo, España e Galicia.

En algo máis de 330 metros cadrados de exposición, atópanse 2.260 videoxogos de onte e de hoxe, uns 250 videoxogos galegos preservados e interactivos e 420 pezas de hardware conservadas. O MUVI relata a historia de máis de 50 anos da creación deste lecer electrónico, que nos leva desde os seus inicios alá por 1952, co videoxogo OXO, desenvolvido por Alexander S. Douglas, ata os anos 2000, con consolas como Sony, PlayStation, Sega, Nintendo e Game Boy, que todos coñecemos, especialmente os máis pequenos. Un museo pequeno pero interactivo, digno de ser visitado, tanto individualmente como en grupo, iso si, cun número limitado de visitantes.

Unha xornada moi frutífera e moi diferente á que nós expomos no MELGA, pero o importante é coñecer os diferentes modelos da actividade lúdica da persoa humana, sacar o máis proveitoso de todos eles, adquirir novos coñecementos e experiencias e intercalar opinións sobre os nosos traballos, tentando formar unha rede de museos galegos e colaborar en futuras actividades conxuntas.

Como era de esperar, Ricardo Pérez y Verdes convidou a todos os membros, tanto do MUVI como ao comisario da exposición de xoguetes, a desprazarse a Ponteceso cando o estimen conveniente, para devolverlles cunha visita guiada a súa exquisita atención e amabilidade cara á nosa delegación. O compromiso será pronto satisfeito por ambos os colegas, así o confirmaron.

Será unha honra recibilos!

Ricardo Pérez y Verdes posa diante do cartaz da exposición é tempo de xogar, no museo de pontevedra

Ricardo Pérez y Verdes posando no interior do museo do videoxogo xunto con dous acompañantes

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.