Os membros da confederación do Observatorio do Patrimonio Lúdico Gallego realizaron onte venres día 07 do presente mes de xaneiro, na vila lucense de Meira, nacemento do río Miño, a súa primeira reunión anual, sendo o propio alcalde Antonio de Dios Álvarez, que deu a benvida a todos os asistentes e fíxonos de guía polas instalacións do magnífico recinto restaurado do mosteiro cisterciense de Santa María de Meira de principios do século XII (1143), onde se atopa situado o concello.
O encontro tivo unha duración de case catro horas, no Salón de Xuntas do concello, sendo o seu anfitrión nesta ocasión Paco Veiga da Asociación Galega de Xogos Populares e Tradicionais, que expuxo os puntos da orde do día establecidos para o seu desenvolvemento. Soamente foron catro puntos, aínda que algúns deles tratados en profundidade: 1 “Xogos no Camiño”; 2 Novas incorporacións ao Observatorio; 3 Próxima publicacións e 4 Próximas actuacións e Rogos e Preguntas.
Os presentes no Encontro foron: a asociación XOTRAMU (Muimenta); O Recuncho das Argalladas (Lourenzá); Asociación Amigos da Chave (Santiago de Compostela); a asociación AGXPT (Melide); a empresa lúdica Somos Enredos(Noia); Brinquedia (Ourense) e a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o MELGA (Ponteceso).
Sobre o primeiro apartado, co título “Xogos no Camiño”, informouse intensamente sobre o proxecto de realización, durante este ano Xacobeo-22, do gran acontecemento en Galicia sobre o mundo dos xogos e deportes nos diferentes Camiños de Peregrinacións a Galicia (Francés, Inglés, Portugués, Primitivo, Norte e o da Prata). Desenvolveranse en cada un das sedes seleccionadas, entre 8 e 10 xogos, que polo xeral sexan final de roteiro do camiño. En total serán 31 poboacións que acollerán devandito evento. O evento levará a cabo desde o mes de abril ata o mes de outubro, sempre en xornadas vespertinas de 3 horas (16,00 a 19,00 h), momentos necesarios de esparexemento, de descanso e “relax” dos peregrinos, despois da xornada seguramente, moi dura de percorrido. O comezo das xornadas iniciarase no Cebreiro e rematará na capital de Galicia, Santiago de Compostela. No mes de marzo levará a cabo unha formación permanente (fins de semana, dos futuros monitores e monitoras, que orientarán a todos aqueles asistentes que participen nas prácticas planificadas. Ademais en cada sede, a través de paneis informativos contará cunha Exposición de materiais e textos de cada xogo para desenvolver, así como a orixe de cada un deles. Paralelamente a estas actividades, iniciaranse a todos os interesados a participar en Talleres e así poder confeccionar os seus propios xoguetes ou xogos tradicionais con materiais de reciclaxe e da natureza, presentados e mais representativos de cada zona. O proxecto foi presentado pola empresa “Somos Enredos” de Noia.
O segundo punto a tratar foi a aprobación asemblearia das novas plataformas ao noso Observatorio do Patrimonio Lüdico Gallego. Foron dous; unha a título individual e outra a título empresarial. Nico Ferrer como representante individual que achegará á nosa entidade todo o material audiovisual nas redes e a empresa Somos Enredos da man de Manuel Seijas, que se encargará do proxecto con anterioridade tratado. Por unanimidade aprobáronse ditas incorporacións.
O terceiro punto informouse, por parte de José Lombardero ( Muimenta), sobre as xestións levadas a cabo ata o momento sobre a publicación do libro “Xogos para o confinamento” da nosa entidade, informándonos que os trámites ata a data non deran os froitos que todos esperabamos e que de ser así, sería necesario emprender novos camiños para a súa futura publicación.
Finalmente pasouse ao momento final coas novas actuacións e rogos e preguntas, onde a Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) tiveron un pequeno protagonismo, xa que por votación unánime, encargouse ás nosas entidades pontecesás, da posibilidade da realización dun Curso de Formación para Monitores de Xogos e Deportes Tradicionais para toda Galiza, para o próximo mes de setiembre no MELGA ; que a próxima reunión do Observatorio fóra tamén nas nosas instalacións (data sen precisar) e en terceiro lugar que se nos encargaba de realizar as correspondentes xestións ante o concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña, para a posible publicación do texto “Xogos para o confinamento” e que con iso, prontamente sexa unha realidade editorial. Esperamos que a solución final sexa positiva e que o pretendido sexa un realidade.
Despois do xantar de traballo, todos os asistentes ao Encontro, desprazámonos ao campo de xogos do municipio, onde se nos presentou as novas instalacións deportivas de dúas canchas de xogos de birlos galegos, recentemente inauguras polo concello de Meira.
Leave A Comment