Ás 10,00 h. da mañá comezou nos campos exteriores da Casa da Cultura de Ponteceso, dous eventos de gran impacto para o mundo da billarda de Galicia. Por unha banda o Aberto de Billa de Ponteceso e polo outro, a última xornada da liga Nacional de Billarda da Confederación Noroeste. O Aberto correspondía á súa VIII edición e a xornada á súa décima oitava.
Este ano batemos o record de participantes, cun número superior aos cincuenta persoas, que fixeron voar as súas billas polo aire das terras pondalianas. En total foron 6 participantes femininas, 6 nenos/ as e 42 participantes masculinos, en total 54 “ billardeiros”. As idades estaban comprendidas entre os 5 e os 77 anos. Como novidade deste ano participaron por primeira vez 3 xogadores/ as da Confederación das Rías Baixas, con algún dos seus membros campións/ as de Galicia Absolutos en varias ocasións. Por parte de Ponteceso tivemos soamente unha representación moi pobre con 2 tiradores Manuel Pastoriza e Julio Eiroa.
Confeccionáronse 4 grupos de 13 e 14 elementos que dilucidaron a súa clasificación pasando a serie os 4 primeiros de cada grupo, a continuación na seguinte rolda pasaron 3 xogadores/ as , seguidamente os 6 primeiros e decidiron a final os 3 últimos clasificados. Na rama masculina absoluta o terceiro posto foi para Xosé Collazo, desbancado do seu trono pois era o campión do ano pasado; o subcampeonato levoullo Óscar Ponche e o cetro de campión foi para Juan Carlos Cancela. Os tres compoñentes do equipo Campo da Feira de Paiosaco. Na rama feminina a terceira recaeu en Cruz Iglesias (Campo da Feira), o subcampeonato para Merche Castro(APB Santa Marta-Laracha) e a campioa foi Lu Torres (Luna de Forza) da confederación Rías Altas. Na rama infantil a medalla de bronce foi para Carmela Pena(Malpica- Cochiquieros), a de prata para Abel Ponche (Campo da Feira) e o ouro para Miguel Cancela (Campo da Feira). Por equipos o campión outro ano mais foi para Paisaco co equipo de Campo da Feira. Os representantes pontecesáns chegaron ás semifinais, deixando o pavillón moi alto, pois aínda Ponteceso non conta cun equipo para participar nas roldas correspondentes anuais.
Ao final do concurso, no MELGA fixéronse entrega de mencións especiais a xogadores e directivos, ao igual dos trofeos e placas do Aberto individuais da recentemente finalizada tempada 2018-2019. Como campión absoluto foi para Xosé Collazo do club Campo da Feira-Paiosaco, pero ademais fíxoselle entrega doutro trofeo especial, por ter no seu haber este “ billardeiro famoso” 100 xornadas de participación na liga Nacional de Billarda. O trofeo ao xogador máis veterano foi para Julio Eiroa de Tella-Ponteceso con 77 anos de idade.
Tamén a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA)foi obsequiado por todos os xogadores e xogadoras da Confederación Noroeste, unha gran placa co texto seguinte: “En agradecemento polo labor en prol da cultura e o apoio ao mundo da Billarda”. Por parte do presidente e director da Fundación e o MELGA respectivamente, fixo entrega a cada un dos participantes dun “ pin” cuxa imaxe era un xogador de billa, en conmemoración deste día. Non podemos deixar de resaltar que todos os trofeos entregados aos vencedores foron feitos artesanalmente en madeira do gran escultor e campión billardeiro José Gándara Martínez.
Leave A Comment