Hoxe xoves primeiro día do mes de agosto do presente ano-24, visitaron o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), un grupo de campistas do Furancho Deportivo do concello de Vimianzo (A Coruña), era a súa segunda vez en acompañarnos, xa que a súa primeira ocasión, por estas mesmas datas, pero no 2020, catro anos sen vir a outra visita guiada. Foi o segundo campamento deste verán 2024, que realizan unha visita guiada ao museo.
O grupo era moi heteroxéneo e conformábano quince nenos e nenas comprendidos entre os 3 anos e os 12 anos de idade (do 2021 ao 2012) e viñan acompañados dos seus monitores Luís Miguel Antelo e Victoria Fernández, que era a directora do campus e exercía como a organizadora da visita.
Ningún dos compoñentes do grupo, tanto nenos como nenas e profesores, non coñecían o MELGA en Ponteceso. Pero vendo o divertido e novo da excursión, estaban seguros, que continuarían repetindo a actividade o próximo ano-25. As tres horas e media de percorrido polas instalacións, escoitando atentamente as explicacións do guía e a maioría do tempo xogando e coñecendo os xogos e deportes tradicionais galegos e do mundo, foi para todos eles unha experiencia extraordinaria, ata se esqueceron de realizar un descanso ou tentempié entre sala e sala expositiva, aínda sendo un grupo moi pequeno en idade.
Como curiosidade, coméntanos o noso guía-director que ao finalizar a sesión museística un neno de 6 anos comentoulle o seguinte: “Que emocionante museo”. Tanto os seus profesores como Ricardo quedaron perplexos da espontaneidade do devandito visitante.
Finalizada a visita, o grupo realizou un xantar campestre, pero no canto de realizalo ao aire libre no campo de herba do Centro Cultural (xa que o día era chuvioso), por parte da dirección do museo, habilitóuselle un lugar no interior do mesmo para a recuperación de forzas perdidas na sesión lúdica.
Leave A Comment